Tuesday 14 de May de 2024

A Xunta activa unha inxección económica de 17m€ en préstamos e avais para impulsar proxectos empresariais e facilitar o acceso ao circulante das pemes galegas


Feijóo di que a nova ampliación dos Jeremie, por valor de case 9 millóns de euros, súmase aos 10,4 millóns xa habilitados ata o de agora, e que teñen permitido financiar 30 operacións que están a mobilizar investimentos por máis de 17 millóns de euros, creando ou mantendo máis de 700 postos de traballo

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que a Xunta vai activar unha inxección económica de 17 millóns de euros en préstamos e avais para impulsar proxectos empresariais e facilitar o acceso ao circulante das pemes galegas a través da ampliación dos préstamos Jeremie e ao lanzamento dunha nova convocatoria do programa Resolve.

Así, en primeiro lugar, Feijóo sinalou que o Consello coñeceu hoxe a nova ampliación dos Jeremie por valor de case 9 millóns de euros. Trátase dunha cifra que se suma aos 10,4 millóns xa habilitados ata o de agora, e que teñen permitido financiar 30 operacións que están a mobilizar investimentos por máis de 17 millóns de euros, contribuíndo á creación ou o mantemento de máis de 700 postos de traballo. Deste xeito, en vista do éxito desta convocatoria, a Xunta decidiu ampliar os Jeremie, que ofrece condicións moi vantaxosas para os beneficiarios.

Non en van, o presidente da Xunta destacou que estes préstamos directos teñen uns prazos de amortización de 11 anos, con un de carencia, e xuros especialmente competitivos, referenciados ao euríbor, que se sitúan nestes momentos entre o 0,1% e o 0,5%, en función da cantidade solicitada.

Deste xeito, os Jeremie configúranse como unha ferramenta de apoio ás pequenas e medianas empresas galegas. De feito, o 75% dos proxectos aprobados corresponden a microempresas ou pequenas empresas. Neste contexto, Feijóo salientou que o o 68% dos proxectos aprobados enmárcanse no sector industrial, mentres que son de hostalería e turismo o 18%, o 10% pertence a servizos e o 4% a comercio.

O programa Resolve
De forma paralela á ampliación dos Jeremie, o Consello tamén coñeceu hoxe unha nova
convocatoria do programa Resolve, o que mobilizará máis de 8 millóns de euros en circulante favorecendo o funcionamento diario das pemes galegas.

A través desta liña, poderanse conceder préstamos comprendidos entre 3.000 e 150.000 euros, que aspiran a mellorar a situación financeira de arredor de 150 empresas galegas.

Deste xeito, favorécese o acceso ao financiamento de circulante, un dos principais problemas con que se atopan as compañías, mediante préstamos avalados nun 100% polas Sociedades de Garantía Recíproca (SGR) o que, a súa vez, contan cun reaval da Consellería de Economía e Industria polo 25% do risco asumido.

Como sinalou Feijóo, as operacións financeiras apoiadas ao amparo do Resolve terán un prazo máximo de duración de 7 anos, incluídos 2 de carencia, o que supón unha significativa mellora no prazo de amortización dos préstamos con respecto aos 3 ou 5 anos de anteriores convocatorias.

A través das liñas para financiamento de circulante do Resolve, e desde a súa posta en marcha en 2010, téñense aprobado máis de 1.300 operacións para mobilizar préstamos para circulante por importe de case 52 millóns de euros.

En definitiva, como concluíu o máximo responsable autonómico, a Xunta renova dúas liñas de axudas fundamentais de acceso ao crédito dos emprendedores, contribuíndo dun modo importante a garantir a súa continuidade así como a mellora da súa competitividade futura.